IES FREI MARTÍN SARMIENTO

Postgrowth S.A.: Pontevedra

O alumnado de 1º de bacharelato que cursou a materia de economía, tivo a oportunidade de participar nun proxecto de ciencia ciudadana, o “Postgrowth S.A.: Pontevedra”, co obxectivo de investigar como levar a cabo unha transición ecolóxica xusta nas cidades. Para isto, os alumnos/as convertéronse en científicos sociais durante o curso 2023/24. O proxecto finalizou coa participación do alumnado na 10ª Conferencia Internacional de Decrecemento e na 15ª Conferencia da Sociedade Europea para a Economía Ecolóxica, que se celebraron do martes 18 ao venres 21 de xuño de 2024 na cidade de Pontevedra.

O mércores 19 o noso alumnado espuxo dúas ponencias. En primeiro lugar Sandra, Nandini e Manuel, presentaron a “Introdución ao caso de estudo: o emprego en Pontevedra”, despois, Adrián e Raúl encargáronse da ponencia “Nivel de conciencia da poboación no tocante á transición ecolóxica xusta”.

O xoves 20 houbo un obradoiro, na primeira parte, Emma, Lunna, Sofía, Micaela, Lucía, Sara G. e Sara R., prepararon a información necesaria para un “speed dating” no que informaban a diferentes colectivos da cidade sobre a problemática investigada e as conclusións. Tras ese primeiro obradoiro, Junior a Zara participaron nas mesas redondas nas que se expoñían as conclusións de cara a elaborar unha folla de ruta dos obxectivos marcados como consecuencia dos estudos realizados.

O venres 21, o profesor de economía do Frei presentou a ponencia “Postgrowth and citizen science in secondary school: a necessary but not sufficient condition”, dentro do foro “Understanding the just ecological transition of Pontevedra through citizen science”, neste caso para explicar a importancia da participación no proxecto e algunhas conclusións.

Unha experiencia moi interesante para o alumnado que esperamos se poida repetir nun futuro.

Facebook
Twitter
LinkedIn
WhatsApp
Email