PARAQUENAQUEIRA comeza a fraguarse no curso 1999/2000. Desde os seus inicios estivo na súa coordinación o profesor Vito Osorio Antúnez, publicándose o seu primeiro número, o número 0, no ano 2000 e estando no equipo de redacción dese ano os profesores Dolores Pérez, José Manuel González, Luis Gayoso, Ángeles Beloso, Manuel Lestón, Vito Osorio e Aida Pazos.
O seu nome xurdiu nunha das clases do profesor Vito, na que o seu alumnado opinaba que a revista debía ser para quen a quixera ler e de aí o nome “PARAQUENAQUEIRA”.
A impresión deste primeiro número levouse a cabo na imprenta da Deputación de Pontevedra, encargándose da súa maquetación o alumnado e profesorado de Artes Gráficas do Príncipe Felipe.
O número 1 da revista, aínda que si foi elaborado, non chegou a publicarse debido a problemas técnicos coa súa maquetación e posterior impresión, tamén na imprenta da Deputación.
Para evitar estes problemas, a partir do número 2 e ata o seu derradeiro número, o 22, a revista pasou a imprimirse en distintas imprentas da cidade tales como a imprenta Recimiño, Artes gráficas Ramiro Paz e Planoprint. As últimas edicións contan ademais coa versión dixital que se pode visualizar na páxina web do Centro.
Nos seus comezos a súa coordinación estivo a cargo do profesor Vito Osorio, ao que se foron unindo outros ao longo dos anos: Ángel Agrasar, Jesús Santaló, Reis Mayo, Flavio Piñeiro e José Otero. Foron tamén moitas as profesoras e profesores colaboradores nas distintas edicións, aos cales resulta imposible nomear aquí, pero que ollando as revistas expostas podemos recordar.
Animámosvos a visualizar estes 22 números de PARAQUENAQUEIRA onde figuran moitos artigos, noticias, fotografías e recordos da vida do instituto ao longo dos anos, en definitiva, 22 anos de historia do FMS.