O venres 16 de maio conmemoramos o Día das Letras Galegas no IES Frei Martín Sarmiento, este ano dedicado ás cantareiras e á poesía popular de tradición oral. Por este motivo, a celebración foi con música e danzas tradicionais. Todos os grupos da ESO e o 1ª de Bacharelato de Artes Escénicas participaron no festival que se realizou no salón de actos do centro. Deste xeito quixemos homenaxear ás mulleres que contaron a nosa historia, cantándoa e manténdoa viva e na memoria de todas e todos nós.
Comezaron as alumnas de 2º de ESO Inés de Sola ao Fagot, e Marta Martín ao piano, cunha memorable actuación da música de “Son do ar”, de Luar na Lubre. Despois Hugo, Helena, Paula e Iker, de 1ºBacharelato A, puxeron música ao poema “Sinais” de Lois Pereiro, e continuaron cunha interpretación coral a capella de “O voso galo comadre” e “Catro vellos mariñeiros”, co resto dos compañeiros/-as de clase de Artes Escénicas e Musicais.
Seguiron os de 3º ESO A, que realizaron unha versión instrumental de “Terra”, das coñecidas Tanxugueiras, e os de 2º curso corearon as cancións populares “A saia de Carolina” (2º A) , “Eu chorar, chorei” (2º ESO C), e “Pousa, pousa” (2ºESO B)
Remataron as actuacións as danzas de 1º de ESO: a “Muiñeira sinxela”, que bailaron alumnos e alumnas de 1º ESO A, e a “Muiñeira Global”, na que participaron os de 1º B e C.














